O IES SALVATERRA BERRA: LUME NUNCA MÁIS

Despois da vaga de incendios que arrasou a nosa terra, e que moita da nosa rapazada viviu en primeira persoa nas distintas parroquias de Salvaterra e As Neves, xuntámonos no recreo o 18-10-17 para lermos este manifesto:

MANIFESTO DO IES SALVATERRA CONTRA O LUME

Somos nós, o alumnado do IES de Salvaterra, o que viu como unha sombra de cinza caeu sobre da terra. En Fornelos, en Pesqueiras, en Batalláns e no Castelo, en Porto, Guláns, As Neves arrasadas, A Picoña… A negrura no monte, dos Ancares ao Galiñeiro. Somos nós, que ardemos.

Somos nós, o alumnado e a xente de Salvaterra, os que saímos das nosas casas man a man, ombreiro con ombreiro, con caldeiros, capachos e mangueiras, a loitar contra as chamas que nos arrodeaban. S.O.S E fomos ficando sós, contra o lume, na defensa do que é noso,e aprendemos para sempre e mais despois o significado inmenso das palabras veciño, solidariedade, afouteza, pobo. Somos nós, que ardemos.

Somos nós, o pobo de Salvaterra, o que desesperado olla como non mitigan os incendios, e con eles quéimase a natureza, a flora, fauna, o aire… e afogamos. E somos nós, que ardemos.

Somos nós, o pobo que acode o pobo, os que coas labaradas tatuadas nos ollos non deixamos de preguntarnos ata cando vai durar esta gran lacra, e se iremos, algún día, do Courel a Compostela por terras non queimadas. E somos nós, que ardemos.

Somos nós, IES de Salvaterra, aqueles que berramos alto e orgullosos que somos bosque, somos auga, somos aire, e non queremos, non queremos, e esiximos, nunca máis arder. LUMES NUNCA MÁIS

Comentarios