Semana da Paz e da NON violencia:::

 Esta semana celebramos no IES a Semana da PAZ e NON violencia e facémolo cunha exposición da biblioteca no corredor próximo á sala de profesores con material relacionado coa efeméride. Tamén creamos o manifesto que podes ler a continuación e un SALVABIBLIO-RADIO especial que podes escoitar accedendo desde aquí.





IES SALVATERRA DE MIÑO  

MANIFESTO POLA PAZ E NON VIOLENCIA 2022

 

          Desde o IES Salvaterra de Miño unímonos á conmemoración internacional do Día da paz e da non violencia. Facémolo condenando todo tipo de acción contraria á convivencia, sendo conscientes dos problemas que conflúen no ano actual, 2022, e que xeran ira, rabia, agresividade, maltrato, violencia…

          O Día Escolar pola Non Violencia e a Paz foi declarado por primeira vez en 1964 por parte do poeta e pacifista mallorquino Llorenç Vidal. O seu obxectivo é a educación e para a tolerancia, a solidariedade, o acordo, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.

          Neste día, as escolas e institutos unímonos e servimos como instrumento de reflexión e entendemento entre persoas de diferentes procedencias, estratos sociais, linguas, razas, culturas, sexualidades ou relixións.

          A nosa mensaxe é: "Amor e paz en todos os ámbitos” desde os auto-coidados e a educación persoal, ata o trato cos nosos achegados máis próximos, as nosas relacións sociais e o bo trato dos distintos territorios do mundo, entre eles e co planeta.

          Este día está recoñecido oficialmente polo Ministerio de Educación desde o 30 de xaneiro de 1976, para conmemorar o falecemento do líder índio Mahatma Gandi, quen nos deixou frases para a reflexión como aquela de “a violencia é o medo aos ideais do outro ” ou “ollo por ollo, o mundo enteiro vai quedar cego”.

          Como o futuro depende do que fagamos hoxe, desde o IES Salvaterra de Miño, hoxe inclinámonos pola reflexión e educación, pola paz. Sementamos hoxe para recoller mañá.

 

IES Salvaterra de Miño, 28 de xaneiro de 2022

 

 


Comentarios