O vindeiro LUNS 16 DE MAIO e co gallo do DÍA DAS LETRAS, as pistas do IES DE SALVATERRA DE MIÑO acollerán un concerto poético-musical a cargo de BABYKATZE e FÁTIMA DELGADO, sobriña do homenaxeado; FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN.
Fátima Delgado é actriz vocacional, poeta accidental e dramaturga inesperada, once anos profesora de instituto. Vive e traballa entre Galiza e Madrid coas súas compañías Meninas teatro e La Méduse. Ten tres libros de poesía publicados: Ouveos/Aullidos (Seda de Biso), Ninfopoética (Editora Urutau) e Vestida de Domingo. Finalista na Residencia Dramática do CDN 2021, poeta seleccionada na residencia poética Ámeto Mítico da Fundación Uxio Novoneyra, obtén a Axuda para a creación escénica da CAM. Actúa coa súa poesía escénica en festivais de México, Madrid, Galiza e próximamente Nova York. (ligazón á súa web)
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, deVilamartín de Valdeorras naceu o 27 de agosto de 1903 e faleceu en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi avogado e poeta. Foi un dos fundadores en México da revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985). Encargouse da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.
A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas este ano tendo en conta catro aspectos fundamentais: a súa obra poética, catro libros con diferentes rexistros; a súa defensa e militancia a prol dos valores democráticos nun tempo adverso que el mantivo acesos mesmo nas angosturas do desterro; as terras de Valdeorras, coa súa cultura, tradicións, patrimonio histórico (material e inmaterial) e lingua; o entusiasmo, a colaboración, a demanda explícita que as institucións e as xentes dos concellos e as asociacións de Valdeorras lle transmitiron á Academia para que o ano 2022 fose o Ano Florencio Delgado.
Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño. (ligazón á web oficial)
Comentarios
Publicar un comentario